As familias demandan compromiso real dos Grupos políticos de Culleredo co Conservatorio Municipal de Música.
- Os problemas de xestión no Conservatorio Municipal de Música repítense nos últimos anos, sen que o Concello sexa capaz de darlles remedio.
- O Conservatorio Municipal de Música imparte ensinanzas oficiais e reguladas, que capacitan ao alumnado para o acceso a estudos superiores e para o exercizo profesional, nun entorno extremadamente competitivo, no que é fundamental a formación recibida nos anos previos.
- O Goberno Municipal debe convocar un novo proceso selectivo con carácter urxente, e remetilo ao Servizo Público de Emprego.
As familias da ANPA queren lembrarlle ao Concello de Culleredo que as ensinanzas que se imparten no Conservatorio Municipal de Música son ensinanzas oficiais e reguladas, que capacitan ao alumnado que as supera tanto para o acceso ao ensino superior de carácter universitario como para o exercizo profesional.
Neste sentido, o Conservatorio Municipal de Culleredo ten suficientes casos de éxito que así o atestiguan. Profesionais (porque ese é o título co que saen do Conservatorio) que teñen que enfrontarse a un mundo extremadamente competitivo, no que é fundamental a formación recibida nos anos de Conservatorio. E para que esa formación teña a calidade requerida é preciso unha boa xestión do Centro educativo, cousa que o Goberno Municipal de Culleredo está a abandonar nos últimos anos.
A reiterada problemática na substitución do profesorado demanda a inmediata substitución do persoal docente de baixa, ben ampliando a xornada laboral do profesorado actual, ben convocando novos procesos de selección para a actualización das listaxes de contratación. Neste último caso, débese recurrir ao procedemento de urxencia, dando traslado do mesmo ao Servizo Público de Emprego, para que este llo remita ás persoas alí inscritas que reúnan os requisitos.
As familias demandan tamén que se lles pasen ao cobro os recibos correspondentes en tempo e forma, evitando atrasos e acumulacións de varias mensualidades.
Estas demandas buscan protexer un servizo público de calidade, co que as familias están comprometidas, e que precisa dun respaldo sen fisuras de todos os grupos municipais.
Mentras non se chegue á unha solución eficaz, a ANPA seguirá concentrándose os mércores ás 17:00 horas diante do Conservatorio, concentracións ás que convida ao conxunto da cidadanía, e o domingo 12 de febreiro ás 12:00 tamén ao Feirón Municipal (Avda. de Rutis e Rúa Vicente Risco).

APÓIANOS NAS CONCENTRACIÓNS!
PROFESORADO XA!